martes, 21 de xuño de 2016

Saudade , Arxentina

Francisco Luís Bernárdez (Buenos Aires1900-1978) era fillo de emigrantes procedentes de Maceda. El é o autor do poema que cantan estes rapaces do colexio Santiago Apóstol (Buenos Aires).Unha imaxe de Francisco Luís Bernárdez aparece ao principio do vídeo. El foi un poeta e diplomático arxentino que colaborou na revista Nós e que escribiu varias obras en galego, entre elas o “Discurso encol do Idioma Galego” publicado en 1953, no que denuncia o estado da nosa lingua na ditadura franquista.
O poema que canta a rapazada do Santiago Apóstol é o seguinte:
SAUDADE
Non sei quen é, non sei como se chama.
Non sei de donde ven nin quen a envía,
Non sei si é de tristura ou de alegría
A voz con que ela clama e me reclama.
Non sei si cada bágoa que derrama
Brota de gostosura ou de agonía
Non sei si o que ela chora noite e día
Ven do seu ser ou do que o meu máis ama.
Somente sei que a sinto tan presente,
Tan viva, tan real, tan insistente
Como a lembranza e a melancolía.
Como a reminiscencia de un cheirume.
De un vago son, de un indeciso lume,
De algo que fai pensar en Rosalía (…).

Ningún comentario:

Publicar un comentario